Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Reducir o IVE aos produtos pesqueiros fomentaría o seu consumo entre os máis novos

Por 21 Maio, 2022Sin comentarios

Rosa Quintana sinalou que a rebaixa do 10 ao 4% destes produtos axudaría a reverter a pirámide de consumo e a que sexa a xuventude quen asuma a cúspide.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de manifesto a necesidade de aplicar unha redución do IVE aos produtos pesqueiros do 10 ao 4% para equiparalos a outros produtos de primeira necesidade como o pan, a leite ou a froita e axudar así ao fomento de consumo de peixes e mariscos, especialmente entre os sectores máis novos da poboación. Así o expuxo durante a inauguración das XXIX Xornadas técnicas de Expomar onde defendeu este tipo de medidas económicas para minorar o gasto das familias e reverter a pirámide de consumo de maneira que sexa a xuventude quen asuma a cúspide.

A responsable autonómica fixo referencia ao traballo da Xunta de Galicia para facilitar o coñecemento necesario e fomentar os beneficios de consumir produtos do mar a través de programas educativos, divulgativos e promocionais dirixidos tanto aos máis novos como aos adultos.

Ademais, Rosa Quintana asegurou que comer produtos procedentes do mar é un dos mellores investimentos na saúde e contribúe ao aforro do gasto sanitario, polo que reivindicou a importancia da dieta atlántica para apoiar tamén ao sector marítimo-pesqueiro, declarado esencial desde o inicio da pandemia a pesar dos riscos e as perdas.