Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

A Mariña conta un ano máis con catro sendeiros azuis

Por 27 Maio, 2022Sin comentarios

Galicia repite como a comunidade española con máis sendeiros azuis, cun total de 29 que se estenden ao longo de máis de 220 km.

Un total de 29 itinerarios galegos pertencentes a 19 municipios e cunha extensión total de máis de 220 quilómetros terán este ano o recoñecemento internacional de sendeiro azul.

Este balance converte a Galicia, unha vez máis, na Comunidade española co maior número de distintivos deste tipo, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna.

No tocante á Mariña lucense son 4 concellos os que repiten este ano Burela coa ruta do litoral burelés de 6,55 km, Cervo e o Sendeiro azul do Torno de 2,36 km, Foz co paseo ruta das praias de 14 km e a Ruta do Faro da Illa Pancha ás Aceas de Ribadeo de 5,6 km.

NOVIDADES NO BALANCE DE 2022

Entre as principais novidades das rutas distinguidas este ano en Galicia cómpre subliñar que os concellos de Ribeira e Poio entran por primeira vez na listaxe grazas ao recoñecemento do sendeiro litoral de Coroso-Río Azor e do sendeiro litoral de Poio.

Así mesmo, Sanxenxo repite como o municipio español con máis sendas recoñecidas no seu termo municipal, un total de 7, das cales 1 é nova —a ruta dos carballos de Aldariz— e as outras 6 xa recibiran este recoñecemento en 2021 pero aglutinadas como unha rede de sendeiros. En total, suman máis de 30 quilómetros.

Tamén destaca o caso de Marín e de Vigo, con 3 sendeiros azuis cada un este ano e que se converten deste xeito nos segundos municipios españois, xunto ao de Cartaxena, con máis sendas galardoadas.

En canto ao reparto por provincias, Pontevedra, con 19 itinerarios localizados nun total de 9 municipios, que suman case 137 km, lidera o ‘ranking’ provincial a nivel autonómico e tamén nacional; seguida da Coruña, con 6 sendeiros noutros tantos concellos —máis de 55 km—; e de Lugo, que suma 4 itinerarios azuis no mesmo número de municipios, cun total de 25,8 km ao longo da Mariña.