Skip to main content
Burela

Burela forma aos nenos no trampeo das vespas velutinas

Por 11 Maio, 2022Sin comentarios

A través da aula GAIA e en colaboración coa empresa Serpa, encargada de previr a aparición de niños no concello, instruíron ao alumnado do Ceip Virxe do Carme sobre este insecto con bastante presencia na comarca.

O Concello de Burela continúa sensibilizando e formando á poboación sobre a prevención das vespas velutinas, con bastante presencia na localidade e comarca. Nesta ocasión, a través da aula GAIA e coa colaboración da empresa contratada para atallar esta problemática, Serpa, puxeron en marcha unha acción formativa destinada ao alumnado de 3º de primaria do Ceip Virxe do Carme.

A velutina é unha especie invasora que está poñendo en perigo a apicultura e os ecosistemas, polo que é imprescindible loitar contra esta ameaza e saber como actuar de xeito colaborativo e proactivo para a extinción da vespa asiática.

As nenas e nenos do Virxe do Carme puideron adquirir coñecementos sobre este insecto, diferenciándoo doutras especies e aprendendo o ciclo estacional da aparición dos niños, coñecendo a diferencia entre os primarios, secundarios e terciarios. Ademais das nocións teóricas, o axente especialista explicou ao alumnado o proceso para tratar de atrapalas e previr riscos para as persoas.  

Neste punto, cada un dos pequenos elaborou a súa trampa de velutinas de xeito manual, cun recipiente de plástico ao que lle fixeron buracos pintados de cores chamativas para simular unha flor e atraer aos insectos ao interior cunha substancia feita para provocar esta captura. 

Tanto o alumnado como o profesorado quedou satisfeito coa formación, o que lles permitirá actuar correctamente ante a aparición das velutinas e colaborar no trampeo para contribuír á súa extinción.