Skip to main content
Burela

O buque Tabarca recala no porto de Burela

Por 13 Maio, 2022Sin comentarios

A escala do patrulleiro ten lugar no marco da vixilancia e seguridade marítima que realiza en augas do litoral galego do 9 ao 15 de maio.

Burela tivo o pracer de recibir a visita do comandante do patrulleiro Tabarca da Armada Española, Eduardo Mª Delgado Franco. O buque vén de recalar no porto de Burela no marco da patrulla de vixilancia e seguridade marítima que o Tabarca realiza en augas do litoral galego do 9 ao 15 de maio, segundo explicou o Ministerio de Defensa.

O rexedor e o comandante, acompañados pola concelleira de Igualdade e Inmigración, Noelia Mª Ben, fixeron un repaso de todas as intervencións da Armada en Burela, nomeadamente cos barcos boniteiros, “agradecendo moito todo o seu traballo nesta localidade ao longo de tantos anos”, destacou Llano.

Pola súa banda, Delgado Franco fixo entrega ao alcalde dun libro da Armada con fotografías, así como dun cadro coa imaxe do buque e dedicado ao Concello de Burela, en lembranza da escala do patrulleiro “neste porto, tan querido polos buques da Armada, co que compartimos o noso amor polo mar”. A continuación, desprazáronse ata o porto para ver a embarcación e saudar á tripulación.

O Tabarca poderá recibir visitas na tarde de hoxe, en horario de 16 a 19 horas, e mañá sábado de 10 a 13 horas, nos espazos exteriores e cumprindo coas medidas sanitarias en vigor. As persoas interesadas poderán coñecer os equipos e capacidades do buque, así como a súa dotación e a forma de vida a bordo.

“Estimamos moito a súa escala no noso porto pola oportunidade que supón para todos os veciños e veciñas, aos que animamos a visitar e desfrutar dunha oportunidade que non se presenta todos os días”, aseverou o alcalde.

O Tabarca representa o octavo buque dunha serie de dez unidades, denominados Clase Anaga, dos cales, na actualidade, permanecen tres en servicio. Está adscrito á Forza de Acción Marítima, concretamente ao Mando  das Unidades da Forza de Acción Marítima de Ferrol (Marfer), e ten a súa base na Escola Naval Militar en Marín (Pontevedra). Desde a súa entrega en servicio en 1981.

A misión principal do buque é a de efectuar vixilancia marítima mediante a presencia naval e control dos espazos marítimos de interese nacional como misión específica de ámbito da Armada Española. Tamén colabora de forma habitual no adestramento do alumnado da Escola Naval Militar.