Skip to main content
Burela

O PP de Burela urxe unha reunión municipal para “debater ás demandas dos comerciantes”

Por 18 Maio, 2022Sin comentarios

O voceiro popular de Burela, Manuel Rouco, considera que “PSOE e BNG tratan de dilatar no tempo a resolución das problemáticas que o colectivo de comerciantes trasladou nas reunións cos distintos grupos políticos da corporación municipal”. Así o entende despois de que, coincidindo co último pleno extraordinario do pasado martes, o popular urxira a celebración dunha reunión de portavoces municipais para abordar estes asuntos e darlles solución antes do verán como demanda o sector; pero “o voceiro do BNG contestara que xa o falarían entre eles e xa se poñerían de acordo”.

Rouco lembra que “as peticións trasladadas polos comerciantes de Burela coinciden coas propostas que o Grupo Municipal Popular defendeu en distintas sesións plenarias e contaron co voto en contra tanto do PSOE coma do BNG”. É o caso da mellora na limpeza viaria que os populares xa reclamaron en diversas ocasións, ademais de opoñerse á subida da taxa do lixo que teñen que afrontar os veciños trala sinatura dun novo contrato de recollida 160.000 euros máis caro cada ano.

Precisamente tamén en relación ás taxas municipais, dende a ACIA de Burela solicitan a súa conxelación. A este respecto, Rouco lembra que “o Grupo Municipal Popular propuxera a rebaixa da presión fiscal para este ano de cara a dinamizar a economía en Burela. Non só foi rexeitada no pleno esta iniciativa, senón que o goberno local do PSOE coa complicidade do BNG aprobaron a suba de taxas que supón un incremento incluso do 85% para as terrazas na zona denominada 1, por exemplo”.

Os comerciantes de Burela tamén demandan o traslado do mercado semanal ao seu emprazamento anterior, no centro urbano, para contribuír a dinamizar o comercio local. Os populares de Burela xa advertiron en numerosas ocasións dos prexuízos que supoñía o traslado do mercado para a zona de Torrentes; non só para os comerciantes ambulantes, senón tamén para o comercio da vila. Polo tanto, esixen que o goberno local  “rectifique a súa errática decisión”.

AXUDAS AO COMERCIO LOCAL

Os populares de Burela condenan a falta de apoio do goberno local ao sector do comercio e poñen como exemplo que “aínda non se puxo en marcha o plan de axudas para o que o goberno local anunciaba o ano pasado 85.000 euros”.

Isto súmase á falta de interese de que os comerciantes bureleses se beneficiaran no ano 2020 das axudas municipais para o comercio afectado pola crise da covid; xa que “era inviable cumprir os requirimentos establecidos nas bases elaboradas polo goberno do señor Llano. Nese sentido, Rouco subliña que “aínda non se coñece cal foi a cantidade final repartida entre os negocios de Burela dos 125.000 euros anunciados”.