Skip to main content
Burela

Avanza o convenio para executar a obra complementaria da EDAR de Burela

Por 18 Maio, 2022Sin comentarios

O Concello de Burela, Portos e Augas de Galicia mantiveron unha reunión onde abordaron a mellora da estación depuradora de augas residuais a través dun convenio de colaboración.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, mantivo unha reunión con representantes de Portos de Galicia e Augas de Galicia para facilitar a través dun convenio de colaboración a execución da obra complementaria da EDAR de Burela.

Este documento que se asinará por parte das dúas entidades públicas empresariais e o Concello de Burela permitirá a licitación posterior das obras para acometer as reformas na Estación depuradora de augas residuais, imprescindible para a mellora do saneamento e a depuración do municipio.

En concreto, realizarase unha nova canalización con novos colectores para adaptala ás necesidades actuais e resolver as deficiencias existentes, recollendo a maior parte das augas residuais para impulsalas cara á futura depuradora.

Alfredo Llano subliñou “a boa sintonía entre as tres entidades, que compartimos un obxectivo común para atallar canto antes esta problemática e reforzar un servizo público imprescindible para Burela, seguindo os criterios técnicos pertinentes”, polo que “facilitaremos dentro das nosas posibilidades e competencias a posta en marcha deste proxecto”.

O primeiro paso consistirá na firma do convenio de colaboración a proposta de Augas de Galicia, que permitirá a licitación da obra para a súa posterior execución. “Agardamos que se axilicen todos os trámites para ver o resultado canto antes”, finalizou Llano.