Skip to main content
Burela

O BNG de Burela cre que problemas como o do mercado terían solución cun Plan de Urbanismo

Por 26 Maio, 2022Sin comentarios

Este mércores produciuse unha xunta de portavoces no Concello de Burela, a petición do BNG, na que se debateron as demandas que fixo chegar a ACIA ós grupos políticos. Segundo o voceiro nacionalista, Mario Pillado “fixemos a proposta de situar o mercado semanal nas prazas posto que nos parece, de ser factible a nivel técnico, a solución que se pode adaptar mellor a tódalas partes polo menos a nivel provisional ata que se atope unha situación definitiva”.

Pillado seguiu expresando que “neste senso cremos que se o goberno local tivese aprobado un Plan de Urbanismo, Humanización e Mobilidade que desenvolva o PXOM, e se tivese en consideración a localización do mercado no mesmo evitaríamos unha problemática que xa ven de vello. Non se pode deixar a ordenación dunha vila como Burela á improvisación, como se ven facendo neste concello dende fai anos”

Por outra banda, o voceiro do bloque sinalou que “é unha mágoa que se celebre unha xuntanza deste tipo entre os representantes públicos e sexa tan compricado chegar a acordos. Se xa é difícil entenderse, comprícase mais se a actitude coa que comparecen as partes é contraria ó diálogo. Mais tendo en conta a situación política que temos en Burela, semella que hai quen, despois de tres anos, aínda non o entende…ou ó mellor é que non hai intención de acordar nada.”

Finalizou Pillado dicindo que “pola nosa banda imos seguir insistindo en que haxa un consenso para solucionar o problema, no pleno ou onde faga falla. Para nos é fundamental, aínda que teñamos que facer concesións, que se poda chegar a solucións comúns para a veciñanza posto que, aínda que ó mellor hai a quen se lle esquece, é a nosa obriga como representantes públicos”