Skip to main content
Cervo

O pavillón da Veiga acollerá o VI Torneo de Voleibol Concello de Cervo

Por 25 Maio, 2022Maio 28th, 2022Sin comentarios

O pavillón da Veiga acollerá o VI Torneo de Voleibol Concello de Cervo este próximo sábado 28 de maio. O edil de Deportes, David Rodríguez, visitou ao alumnado e aos monitores desta disciplina que forma parte da oferta deportiva das Escolas Deportivas Municipais para presentar a competición “que pon punto e final a un curso excepcional no que contamos coa participación de medio cento de mozos e mozas –sen ter en conta a categoría sénior que se integrou no C.D. San Ciprián e que sumou uns trinta rapaces máis”.

O edil aproveitou para felicitar ao equipo humano que dirixe os adestramentos que “son parte importante do éxito que tivo esta disciplina”, e que souberon contaxiar a súa paixón por este deporte aos máis novos; sen dúbida é unha gran nova para Cervo”, engadiu, “que o deporte, en calquera das súas facetas, forme parte do día a día da nosa mocidade”.

No campionato participarán o EDM Cervo, o A.D. Xiria Volei de Carballo e o Narón Volea, nas categorías alevín, cadete, xuvenil e sénior. Os locais enfrontaranse a clubs que xa coñecen, porque durante a tempada o Concello facilitou ata catro desprazamentos do equipo das Escolas Deportivas para que puidesen trasladar á competición os coñecementos adquiridos durante os adestramentos. 

Desde as 10.00 horas, xogaranse 15 partidos de xeito practicamente ininterrompido nas categorías anteriormente citadas, ata as 23.00 horas cando se prevé que sexa a entrega de trofeos.

Desde o Concello de Cervo animan a toda á veciñanza a achegarse durante esta xornada ao pavillón da Veiga a desfrutar dunha gran xornada de voleibol.

O programa de clausura das Escolas Deportivas Municipais Infantís completarase cunha exhibición de patinaxe artística, que terá lugar este venres, 27 de maio, no pavillón do CEIP de Cervo, a partir das 19.30 horas e cunha xornada de portas abertas de ximnasia rítimica, o próximo 6 de xuño, no pavillón da Veiga, a partir das 16.30 horas.