Skip to main content
Foz

A Deputación acondicionará dúas zonas para aparcadoiro en Foz

Por 7 Maio, 2022Xullo 19th, 2022Sin comentarios

Medio Rural da Deputación de Lugo financiará o acondicionamento de dúas zonas de aparcadoiro no Concello de Foz, unha delas na parroquia de Nois, na contorna do colexio, e outra a carón do cemiterio parroquial de Foz.

Trátase de dúas parcelas rústicas nas que se levarán a cabo traballos de limpeza e nivelado e de afirmado, ademais do marcado das prazas e da sinalización. As obras suporán un investimento de 37.000 euros por parte da área dirixida por Mónica Freire que puxo de manifesto “o compromiso da área de Medio Rural con actuacións que permitan mellorar a vida da veciñanza, neste caso co acondicionamento destas zonas de aparcadoiro preto de servizos públicos como o colexio de Nois”.

En Nois, as obras suporán habilitar unha zona nova de aparcadoiro con firme de areón compactado que dará servizo ao CEIP Fondo Nois, contribuíndo a mellorar a fluidez e a seguridade na zona nas horas de saída e entrada do colexio. O lugar tamén está preto da praia de Polas polo que se agarda que tamén sirva para o estacionamento de vehículos das persoas que se achegan ao areal. 

A parcela situada a carón do cemiterio parroquial de Foz xa se ven empregando como aparcadoiro e, provisionalmente, para acopio de materias de construción para a reforma dunha estrada. Os traballos a desenvolver co financiamento de Medio Rural permitirán acondicionar a zona, deteriorado polo uso, con aglomerado.

En total, segundo se recolle nos proxectos, habilitaranse unhas corentas prazas de aparcamento delimitadas en cada unha das parcelas. O prazo de execución das obras é de un mes.