Skip to main content
Foz

A Tradescola organiza un novo concerto didáctico de música tradicional para escolares de Foz

Por 17 Maio, 2022Sin comentarios

Esta xornada, que terá lugar o mércores 18 de maio achegará a música tradicional a  todos os alumnos do centro escolar CEIP O Cantel de Foz. 

A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteiros Galegos na cidade de Lugo, achegarase o vindeiro mércores 18 de maio ata o concello de Foz, concretamente ao CEIP O Cantel, para impartir unha nova xornada de música tradicional para escolares. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.

Realizarase un concerto didáctico, que estará impartido polos mestres da Tradescola, Roberto Rodríguez, Miguel Anxo López. Alberto Núñez e Bruno Villamor: No concerto amosaránselle aos alumnos distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.

Dende a Tradescola trabállase a reo para poder transmitir os coñecementos das nosas tradicións da mellor maneira posible ás novas xeracións, para que saiban conservalos, respectalos e poñelos en valor.

Estos concertos son moi importantes para a Tradescola, xa que estes posibles novos músicos e bailadores serán os que xoguen un papel básico no futuro das nosas tradicións, da nosa música, canto e baile e como non, tamén da nosa lingua.

Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e a través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos amosar esta riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que todas e todos os escolares poden participar de xeito activo con preguntas e aportacións, contribuíndo e potenciando deste xeito á divulgación da cultura e a súa conservación.

A Tradescola ofrece formación ás persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, a través das aulas que imparte diariamente, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.

A AGG conta neste momento con mais de 800 asociados e asociadas distribuídas por todas as comarcas galegas e na Galiza exterior. A través dos seus asociados a AGG ten presenza na maior parte das asociacións e colectivos culturais que desenvolven actividades en torno á música tradicional no país.

A AGG é a entidade asociativa máis representativa e con maior peso específico no tocante á música tradicional en Galiza.