Skip to main content
Mondoñedo

Aprobada a firmeza do acordo da zona de concentración parcelaria de Mondoñedo Norte

Por 15 Maio, 2022Sin comentarios

Dáse así un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, que beneficia 696 propietarios e afecta unha superficie total de 767 hectáreas.

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, vén de aprobar a firmeza do acordo da zona de concentración parcelaria de Mondoñedo Norte, no concello lugués de Mondoñedo.

Así, dáse un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, que afecta unha superficie de 767 hectáreas distribuídas en 1.335 predios de substitución, pertencentes a 696 propietarios. Neste senso, cabe sinalar que este proceso conseguiu mellorar a superficie media das parcelas, pasando así de 1.525 m² a 5.746 m². Esta mellora da estrutura territorial permítelle ás explotacións da zona reducir os seus custos de produción. 

Con esta firmeza do acordo, só queda pendente aprobar a acta de reorganización, o que suporá o remate administrativo deste proceso, que quedará finalmente terminado coa posterior entrega dos títulos de propiedade, os cales serán enviados proximamente á notaría.  

Nesta liña, cabe destacar que o impulso ás reestruturacións parcelarias é unha das principais liñas de traballo da Consellería do Medio Rural. Para esta finalidade, o departamento que dirixe José González destina só este ano un orzamento total de 12 millóns de euros, co fin de pechar administrativamente os 94 procesos que a día de hoxe están abertos.