Skip to main content
Mondoñedo

O BNG de Mondoñedo propón que Medio Rural execute as obras de acondicionamento pendentes

Por 20 Maio, 2022Sin comentarios

Os parlamentarios nacionalistas Daniel Castro e X. Luís Rivas, Mini, visitaron a zona de concentración parcelaria de Mondoñedo Norte para comprobar in situ as irregularidades que presenta.

A Consellería do Medio Rural anunciou a pasada semana que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural aprobara a firmeza do acordo da zona de concentración parcelaria de Mondoñedo Norte que afecta as parroquias de Vilamor, Masma e Couboeira e segundo esta consellería agora só queda pendente de aprobar a acta de reorganización, o que suporá o remate administrativo deste proceso que quedará finalmente rematado coa entrega dos títulos de propiedade.

O concelleiro do BNG en Mondoñedo, Eloi Cabanas, acompañou aos parlamentarios nacionalistas Daniel Castro e X. Luís Rivas “Mini” por distintas zonas da concentración parcelaria para comprobar as eivas que presenta e anuncian actuacións no Parlamento para que as Actas de Reorganización da Propiedade non se entreguen mentres as actuacións de acondicionamento e mellora das novas parcelas non estean rematadas. “Fincas sen acondicionar, sen entrada e estradas vellas asfaltadas dentro das novas fincas de substitución son exemplos da precariedade con que a consellería do medio rural pretende entregar os títulos de propiedade de varias parcelas.”

Eloi Cabanas apunta que o artigo 60 da Lei 4/ 2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia indica que, “unha vez aprobadas as bases de reestruturación parcelaria, a dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, por proposta do servizo provincial correspondente, aprobará un plan de obras que reflectirá todas as actuacións en infraestruturas rurais colectivas indispensables para a reestruturación parcelaria”.

Estarán incluídas no plan as obras de acondicionamento e mellora da estrutura dos novos predios a eliminación de accidentes naturais ou artificiais que impidan ou dificulten o cultivo acaído dos predios de substitución, o saneamento de terras, as nivelacións e outros traballos de conservación do solo e, en xeral, calquera actuación que mellore a viabilidade do predio para o seu cultivo.

“Fai máis de 10 anos que viñeron á escola de Vilamor recoller as demandas dos propietarios pero as obras de mellora non se produciron”.

A veciñanza demanda que se executen as obras pendentes

No ano 2012, fíxose un proxecto de acondicionamento de fincas porque o persoal técnico da Consellería considerou que era necesario e denuncian que aínda que moitos propietarios tiveron que acondicionar as novas parcelas de substitución pola súa conta, a día de hoxe 10 anos despois segue habendo explotacións agrarias prexudicadas por non poden facer uso debido das súas parcelas. 

O BNG propón que sexa a consellería do Medio Rural a que revise o proxecto de acondicionamento do ano 2012 e ben de oficio ou a instancia dos novos propietarios execute as obras de acondicionamento pendentes que son necesarias para facer un bo uso das novas fincas resultantes do proceso de concentración parcelaria.  

Esta mesma proposta xa fora levada a pleno nunha moción que presentara o BNG no Concello no ano 2019 e que fora aprobada por unanimidade.