Skip to main content
A Pontenova

Mónica de Nut abre un ciclo de intervencións artísticas na mina Consuelo da Pontenova

Por 30 Maio, 2022Xuño 21st, 2022Sin comentarios

Os días 11 e 12 de xuño poderase desfrutar dunha dobre xornada de ocio na mina Consuelo da Pontenova. Así, haberá unha cita inmersiva de música e espeleoloxía da man de Tirolina das Minas.

Con Mónica de Nut dá comezo un ciclo de intervencións artísticas deseñadas especialmente para o contexto da mina Consuelo e integradas no roteiro de sendeirismo coñecida como roteiro dos Fornos da Pontenova. Trátase de actividades guiadas que combinan natureza, historia e espeleoarte.

A duración total da experiencia desde que se sae ata o regreso é de 2,5 horas, das cales uns 40 minutos corresponden a actuacións musicais.

Para asisitir será necesario mercar as entradas e ten un aforo de 30 persoas. O sábado 11 de xuño será ás 12.30 e ás 21.00 horas, e o domingo 12 ás 12.30 horas.

A Mina Consuelo é a segunda maior cavidade de Galicia e a única galería mineira aberta ás visitas que existe na Comunidade galega. Comezou a explotarse a inicios de 1900 e leva case cen anos sen actividade mineira, polo que está completamente naturalizada. De titularidade municipal, foi inaugurada, xunto á maior tirolesa de Galicia, o pasado mes de febreiro.

Xesteco, a empresa que xestiona os roteiros guiados e as visitas á mina, decidiu dar un paso máis e ofrecer unha experiencia exclusiva que combina arte e natureza. “Pensamos que un lugar desta beleza merecía ofrecer tanto ás veciñas e veciños da Pontenova como ás persoas que nos visitan algo especial. A idea das intervencións artísticas é algo que sempre tivemos en mente, entre outras cousas porque nos parece importante xerar innovación cultural desde contextos rurais. Por iso contactamos coa comisaria Natalia Balseiro, que nos axudou a darlle forma á idea. Foi ela a que propuxo a Mónica de Nut, que é unha artista versátil, afeita facer intervencións ao aire libre”, explica Celtia Travesas, xerente de Xesteco.

Esta inicitiva é unha proba piloto e, “se funciona ben, a idea é ir traendo cada tempada a un/unha artista diferente”, engadiron. “Trátase dunha actividade bastante exclusiva, tanto polo aforo reducido, como polo prezo. Sabemos que non todo o mundo está afeito pagar arte, especialmente no noso contexto, pero estou convencida de que a calidade da experiencia fai que mereza a pena”, sinala Travesas.