Skip to main content
Deportes AMARIÑAXARibadeo

O XIII Torneo Infantil da SD Ribadeo reunirá a 400 nenos de 21 equipos

Por 19 Maio, 2022Maio 22nd, 2022Sin comentarios

Os días 21 e 22 de maio disputarase en Ribadeo o XIII Torneo Infantil da SD Ribadeo, que reunirá a 400 nenos de 21 equipos de Galicia, Asturias e Cantabria.

O xefe territorial de Deportes, Manuel Otero, tivo palabras de agradecemento para os equipos e clubs participantes e tamén para as firmas colaboradoras e para os patrocinadores: “en especial para o Concello de Ribadeo por esa forte aposta lúdico deportiva que desenvolve ao longo dos 365 días de cada ano. E noraboa á SD Ribadeo por converter un torneo, que xa é todo un referente non so no ámbito provincial e autonómico senón tamén no estatal”.

O xefe territorial dixo que “a situación ocasionada polo covid é a que é e imos pedirlle a toda esa xente que virá disfrutar de Ribadeo, da Mariña e do Occidente asturiano que o fagan con máis sentidiño e con máis cabeza ca nunca. E aos deportistas dicirlles que veñan disfrutar do deporte, do fútbol, con ánimo de gañar, pero que nos demostren que tamén saben perder. Iso ás veces é o mais importante no deporte e sobre todo nestas idades. Agardamos que o torneo sexa todo un éxito”.

A presidenta da SD Ribadeo, Sandra Nonide, manifestou que “estamos moi ledos porque por fin este ano podemos volver á normalidade e volveremos disfrutar da festa do fútbol para terminar con bo pe a tempada”. E subliñou que “no XIII Torneo Infantil, que se vai celebrar esta vindeira fin de semana contamos con 21 equipos de Galicia, Asturias e Cantabria. En total nos tres torneos que organizamos van ser 2.000 nenos e os seus familiares os que lles darán un bo empurrón aos negocios da nosa vila”. Nonide agradeceu o apoio e a colaboración do Concello de Ribadeo, da Xunta de Galicia e de Acisa.

E o xerente de Acisa, Jesús Pérez, manifestou: “por parte de Acisa agradecerlle á SD Ribadeo a organización destes torneos, que son moi importantes. Estamos a falar dunha cantidade en total de 2.000 pícaros coas súas familias, equipos e demais e estamos seguros de que vai ser un evento que vai atraer a moita xente á nosa vila. Seguramente serán miles as persoas que se acheguen a Ribadeo durante tres fins de semana e desde Acisa tiñamos a obriga de colaborar cunha importante achega económica e facémolo de boa gana porque os visitantes convértense en pequenos embaixadores para dar a coñecer Ribadeo noutras partes de Galicia, de Asturias e de Cantabria”.