Skip to main content
Ribadeo

A Romaxe das Cruces da Ponte de Arante en Ribadeo será o 5 de xuño

Por 22 Maio, 2022Xuño 5th, 2022Sin comentarios

A Romaxe das Cruces da Ponte de Arante en Ribadeo, e declarada Festa de Interés Turístico no 2018, celebrarase o 5 de xuño. Ás 12.00 haberá bendición dos Campos, procesión, bandeo do Pendón e Reverencia das Cruces. Todos estes actos estarán amenizado polo grupo de gaitas Brisas del Eo e seguido será a misa solemne.

Ás 13.30 horas terá lugar a sesión vermú a cargo de La Bamba e ás 15.00 está prevista a segunda comida da Romaxe das Cruces no campo da festa.

Xa ás 17.30 horas comezará a representación da batalla a cargo do bruxo Queiman e de Andrea Pousa e a continuación os asistentes poderán desfrutar dun concerto de Luar na Lubre. O remate da festa correrá a cargo de La Bamba.

Esta romaxe, declarada festa de interese turístico galego, está organizada pola comisión de festas de As Cruces de Arante, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Ribadeo.

FESTA DA ROMAXE DAS CRUCES

No santuario de Nosa Señora das Virtudes na Ponte de Arante lévase a cabo unha das romaxes máis destacadas do Concello de Ribadeo, onde é costume bendicir os campos (para protexer as colleitas) e cantar rogativas, tradicións que datan do s. XV. Asemade, esta festa serve para conmemorar a batalla e vitoria dos veciños das sete parroquias contra o exército de Napoleón, pois neste mesmo lugar, aló polo ano 1809, desenvolveuse a loita entre os veciños e o exército de Napoleón.

O nome da romaría vén da asistencia dos veciños e veciñas de sete parroquias coas sete cruces: as de Arante, Ove, Cedofeita e Covelas do concello de Ribadeo e as de Vidal, A Valboa e Sante do concello de Trabada.

O momento máis vistoso desta celebración é o ritual dos pendóns e das cruces cando os portadores se colocan uns fronte aos outros e comezan a arriar varias veces. Logo, realízase o bandeo do pendón, un ritual que require de gran destreza, forza e precisión para que, indo paralelo ao chan, non chegue a tocalo.