Skip to main content
Ribadeo

Ribadeo acollerá a presentación do Mapa Sonoro de Galicia

Por 26 Maio, 2022Maio 29th, 2022Sin comentarios

Desde o Consello da Cultura Galega, a través do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), están a promover a conservación do patrimonio sonoro de Galicia presentando o Mapa Sonoro de Galicia, que é a ferramenta onde querese que teñan representación as vilas e bisbarras do país coa súa propia identidade sonora.

O Mapa Sonoro de Galicia nace co obxectivo de ofrecer unha perspectiva xeográfica a coleccións sonoras xa custodiadas pola institución ou por outras entidades e particulares. Está especializado en coleccións de recollida antropolóxica, etnográfica, lingüística ou de sons da natureza, ambiente ou de actividade humana.

O Mapa Sonoro parte de máis de 800 documentos sonoros distribuídos por todo o país, espallados en coleccións sonoras moi diversas en tipoloxía e distribución xeográfica: A cultura popular de tradición oral nos centros da terceira idade recolle lendas, contos populares e gravacións dos nosos maiores. A nosa fala permite coñecer e diferenciar as variedades dialectais da lingua galega. Auga doce: viaxe sonora polo río Miño acolle os sons do gran río de Galicia, desde o paso natural do río ata as accións humanas vinculadas a el.

Sons da terra permite escoitar sons da natureza pero tamén de oficios xa desaparecidos, e o Cancioneiro antropolóxico recolle os cantares e a tradición musical das montañas do Lor e as terras de Quiroga, en Lugo.

Trátase de ofrecer esta ferramenta á cidadanía para que poida incorporar aqueles materiais sonoros que forman parte da identidade sonora das súas vilas, para así preservar a memoria.

A presentación deste mapa será na Casa Viejo Pancho de Ribadeo o venres 27 ás 19.00 horas e contará con acceso libre ata completar o aforo.