Skip to main content
Ribadeo

O novo centro de saúde de Ribadeo superará nun 30% a superficie do actual

Por 31 Maio, 2022Xuño 1st, 2022Sin comentarios

O novo inmoble permitirá ampliar os espazos de Fisioterapia e Radioloxía, crear novas salas de técnicas, consultas para o programa da muller e de hixiene dental, e integrar o espazo do 061.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde do concello de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, asinaron un protocolo de colaboración para a cesión dos terreos no que se construirá o futuro novo centro de saúde na localidade mariñá. A nova infraestrutura superará nun 30% a superficie do actual centro de saúde, ao tratarse dunha edificación de máis de 2.500 metros cadrados. 

Con este novo inmoble beneficiaranse os máis de 9.000 veciños deste municipio, así como os usuarios dos concellos próximos que acoden ao Punto de Atención Continuada.

O NOVO CENTRO DE SAÚDE

A nova infraestrutura sanitaria permitirá ampliar os espazos dos servizos de Fisioterapia e Radioloxía; e estará dotada con dúas novas salas de técnicas para facer cirurxías menores, ecografías, espirometrías ou retinografías. Así mesmo, tamén contará cunha sala polivalente, consultas para o programa da muller e unha consulta de hixiene dental. Do mesmo xeito, disporá dun espazo para o persoal do 061, contando con aparcamento de ambulancia a cuberto, sala de estar e dous dormitorios. 

No referido ao Punto Atención Continuada, ademais de aumentar as consultas, tamén se poderá habilitar un circuíto propio de entrada e saída e unha área propia de admisión, que serán independentes dos de atención ordinaria.  No mesmo PAC, habilitarase unha sala de observación -con dous postos de padiola e aseo-, xunto cun box de críticos, unhas instalacións coas que non se podía contar no centro sanitario actual, debido á falta de espazo.

O novo centro de saúde tamén contará cunha sala de xuntas e un despacho de coordinación para os profesionais sanitarios, ademais de posuír dúas consultas de docencia para formar en Ribadeo, ao novo persoal de atención primaria. 

Durante a súa intervención García Comesaña puxo en valor a actitude dialogante do concello de Ribadeo, agradecendo a súa colaboración á hora de planificar este proxecto. Neste senso, apuntou que “con planificación, previsión, diálogo e xenerosidade, os proxectos avanzan e as melloras fanse realidade.

NOVOS PROFESIONAIS PARA A ATENCIÓN PRIMARIA

Sobre a formación e a ampliación do persoal médico na localidade mariñá, García Comesaña remarcou que o pasado mes de novembro, a Xunta de Galicia remitiu ao Goberno de España a solicitude para acreditar 64 novas prazas MIR para Galicia, e que, unha delas terá como destino previsto o PAC de Ribadeo. 

Ademais, subliñou o máximo responsable da Sanidade galega, con anterioridade á chegada deste facultativo, desde o mes de setembro do presente ano a localidade de Ribadeo contará cun novo profesional médico estable no seu centro de saúde, ao estar contemplada esta praza pola Xunta, na recente convocatoria de 106 prazas de facultativos especialistas en atención primaria.