Skip to main content
Viveiro

Educando nunha boa sexualidade, chega aos centro educativos viveirenses

Por 3 Maio, 2022Sin comentarios

A concelleira de Muller do Concello de Viveiro, Lara Fernández Fernández-Noriega, acompañou hoxe ao alumnado nunha das sesións do programa “Educando nunha boa sexualidade” no IES Vilar Ponte. 

Este programa está organizado polo Centro de Información ás Mulleres (CIM) e a concellería de Muller do Concello de Viveiro, en aplicación dos fondos do Pacto de Estado 2021, e en colaboración cos IES Vilar Ponte e María Sarmiento de Viveiro.

O proxecto, a cargo da experta en Educación sexual Raquel Graña Fernández, comezou no mes de marzo e estenderase ata o mes de xuño. Cada un dos grupos traballará ao longo de 9 sesións, dirixidas ao alumnado de 2º de Educación Secundaria Obrigatoria e de Formación Profesional Básica. A iniciativa céntrase na adquisición de coñecementos, estratexias e habilidades para promover unha educación sexual adecuada e sa. 

“É esencial poñer a disposición do alumnado as ferramentas necesarias para camiñar na senda dunha boa sexualidade, repercutindo tamén nunha sociedade máis igualitaria. Agradecemos aos centros educativos o seu interese e compromiso neste proxecto”, sinala a responsable de Muller, Lara Fernández Fernández-Noriega. 

As sesións buscan a aprendizaxe sobre conceptos como o sexo, o erótico, a sexualidade, a orientación e  a identidade. Tamén se abordarán o coñecemento e a aceptación propia, a identificación de estereotipos, a influencia dos medios sobre a imaxe ou os mitos sobre o amor erótico. Completan o programa obxectivos como a xestión dos celos, do abuso e control; así como métodos anticonceptivos e prevención das infeccións de transmisión xenital.