Skip to main content
Viveiro

Abre o prazo para axudas á mellora da eficiencia enerxética en vivendas de Viveiro

Por 25 Maio, 2022Sin comentarios

O Concello de Viveiro informa da convocatoria das axudas ás actuacións de rehabilitación, vinculadas a obras nas que se obteña unha mellora da eficiencia enerxética. 

As axudas foron publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado 16 de maio, incluídas no programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio do Plan de recuperación, transformación e resilencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. 

Este programa ten por obxecto o financiamento de obras ou actuacións nas que se obteña unha mellora acreditada da eficiencia enerxética, con especial atención á envolvente edificatoria nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, incluíndo as súas vivendas, e nas vivendas unifamiliares.

O importe das axudas variará en función do aforro enerxético conseguido con cada actuación. Poderá alcanzar ata un 80% do custe da actuación, cun máximo de 18.800 euros por vivenda e 168 euros/m² de locais comerciais e outros usos.

Entre as actuacións subvencionables inclúense as realizadas en vivendas unifamiliares ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva, incluíndo as súas vivendas (neste caso exixirase que, polo menos o 50% da súa superficie construída sobre rasante, excluída a planta baixa ou plantas inferiores se ten ou teñen outros usos compatibles, teña uso residencial de vivenda). 

Nas actuacións subvencionables debe lograrse unha redución de, polo menos, un 30% no indicador de consumo de enerxía ormaria non renovable, referida á certificación enerxética, e, ademais, unha demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración de vivenda unifamiliar ou do edificio de, polo menos, un 35% se están situadas na provincia de Lugo.

O prazo de solicitude remata o día 30 de novembro de 2022.

Para máis información e/ou tramitar as solicitudes da axuda, poden acudir á Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Viveiro (Praza Maior, 1) ou chamar ó teléfono 982 562 968.