Skip to main content
Viveiro

O Concello de Viveiro regularizará a liña interior de ribeira de mar dos paseos de Covas e Viveiro

Por 29 Maio, 2022Maio 30th, 2022Sin comentarios

O Concello de Viveiro, en base ás necesidades existentes nas zonas dos paseos marítimos de Covas e Viveiro, atendendo á regulación establecida na normativa en materia de Costas e co fin de poder contar coa cesión da propiedade de varios terreos adxacentes a estes paseos, que hoxe en día forman parte do dominio público marítimo terrestre, procedeu á solicitude da regularización da liña interior de ribeira de mar nestes paseos, tendo en conta que perderon as súas características naturais de zona marítimo-terrestre.

Este trámite permite a declaración de innecesariedade previa á tramitación da desafectación e posterior cesión ao Concello.

Unha vez finalizada esta tramitación de modificación da liña interior de ribeira de mar e de innecesariadade, podería levarse a cabo a desafectación e cesión ao Concello de Viveiro. Con este fin, o Concello de Viveiro levará ao próximo pleno a solicitude de desafectación.

Os terreos que se pretenden obter permitirán solventar diversas necesidades e levar a cabo actuacións de mellora mediante a reconstrución dalgunhas das rotondas existentes no municipio, como é a rotonda da Misericordia, na que é preciso realizar unha ampliación para facilitar o tránsito do vehículos pesados.

Tamén contémplase a mellora da imaxe medioambiental dalgunhas zonas, como é a explanada da zona dos edificios da Variante, que actualmente se atopa en mal estado e sobre a que non se podía actuar; e a dotación de zonas de estacionamento, así como a mellora de diversas zonas destinadas ao tránsito rodado ou a recuperación dunha parte do Parque Pernas Peón, que a día de hoxe é titularidade de Costas.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro espera que despois de todos os trámites previos realizados polo concello para chegar a este punto, por parte do Servizo Provincial de Costas se inicie o expediente que permita finalmente que o concello obteña estes terreos e poida dar solución ás problemáticas existentes.