Skip to main content
Viveiro

O deporte non ten xénero, achegará as mulleres viveirenses a distintos deportes

Por 30 Maio, 2022Sin comentarios

A primeira cita será o 22 e o 23 de xuño cunha charla e unha clase de surf.

O Concello de Viveiro, a través da concellería de Muller, propón o proxecto “O deporte non ten xénero”, en colaboración co Centro de Información á Muller. A iniciativa, dirixida á mocidade, busca dar achegar ás mulleres a distintos deportes, a través de charlas e clases deportivas gratuítas. 

A primeira cita deste programa será sobre o surf, con Viveiro Surf Escola. Así, o mércores 22 de xuño organizarase unha charla sobre “A muller e o surf”, na sala multiusos do Concello de Viveiro. A cita será ás 20.00 e contará coa participación das deportistas Claudia Prieto e Lucía Martínez, quen contan cunha exitosa traxectoria no surf. 

Ao día seguinte, o xoves 23 de xuño, ofrecerase unha clase de surf, dirixida a todas as mulleres que desexen participar. A formación será gratuíta, pero as prazas son limitadas, polo que cómpre reservar no teléfono 982 550 421. 

“Durante todo o ano impulsamos diferentes iniciativas en materia de igualdade, cun importante esforzo na mocidade. Con esta proposta queremos chegar a un novo terreo, o deporte, onde por desgraza aínda existen moitos estereotipos”, sinala a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. 

Pola súa parte, a concelleira de Muller, Lara Fernández Fernández-Noriega sinala que a iniciativa busca “sensibilizar e divulgar sobre a presenza feminina no deporte, rachando así cos estereotipos asociados ao deporte feminino. Agardamos que as mulleres se sumen a esta actividade e coñezan ademais deportes distintos”.