Skip to main content
Viveiro

O PP de Viveiro reclama a construción de beirarrúas no acceso e ao longo da praia de Area

Por 30 Maio, 2022Sin comentarios

O PP reclama a construción de beirarrúas no acceso e ao longo da praia de Area, para evitar riscos para a seguridade dos peóns. “A inxustificable parálise na que o Goberno presidido por María Loureiro ten sumido ao municipio de Viveiro reflíctese moi claramente na falta de infraestruturas básicas, ou non mal estado das mesmas, para garantir a seguridade vial. Para intentar paliar este déficit nunha zona do concello tan significativa dende moitos puntos de vista, sinaladamente o turístico, como é Area o grupo municipal defenderá no pleno unha moción para instar ao goberno local a adoptar as medidas necesarias para construír beirarrúas dende a LU-862 ata ambas marxes da praia en toda a súa extensión”, di o concelleiro popular Javier Teijeiro.

O popular lembra que “hai uns meses, debido a alta velocidade á que circulan algúns vehículos por esta zona, ao parecer algúns participantes en carreiras ilegais, solicitamos a regulación da velocidade na zona cos métodos que se consideren oportunos, colocando redutores de velocidade en distintos puntos”. O mesmo concelleiro engade: “Para que a seguridade dos peóns sexa completa, cremos necesario construír beirarrúas polas que os peóns se poidan desprazar con tranquilidade”. 

Teijeiro destaca que a praia de Area ten bandeira azul; está situada a 4 quilómetros da cidade de Viveiro e conta con 1.150 metros de lonxitude e un ancho variable entre 40 e 90 metros, dependendo das mareas“. Galardoada en 2014 coa ” Q” de Calidade Turística, dispón de infraestruturas adaptadas (cadeira anfibia, baños adaptados, etcétera).  No seu entorno hai dous dos hoteis e restaurantes mais significativos da comarca. Area é unha zona moi frecuentada polo turismo durante todo o ano e rexistra unha alta ocupación na tempada estival.

Os populares din que nada xustifica a falta de beirarrúas en tan significativa zona de Viveiro, que só se explica pola desidia da alcaldesa, María Loureiro, e do seu equipo para dedicarse a aquelo que teñen encomendado, que é o goberno de Viveiro e, polo tanto, a solución dos problemas do municipio.