Skip to main content
Axenda Caducada

A Romaxe Artesá da Chaira presenta o seu programa para o próximo sábado

Por 21 Maio, 2022Maio 28th, 2022Sin comentarios

Todo listo en Muras para celebrar o sábado, día 28 de maio, a sexta edición da Romaxe Artesá da Chaira, unha festa na que se busca a reivindicación dos oficios tradicionais e sobre todo a dinamización do medio rural como lugar de creación de vida.

O programa foi presentado este venres polo equipo de Goberno local, que preside o nacionalista Manuel Requeijo.

A romaxe arrancará ás 11.00 horas coas demostracións de artesanos como prato forte da xornada, demostracións que se farán pola mañá, principalmente. Ademais, como en edicións anteriores, haberá talleres para nenos e tamén para adultos.

Non faltará na cita o apartado musical, que estará ao cargo de Xisco Feijóo pola noite pero tamén haberá sesión vermú, a cargo da Charanga Mecánica. Pola tarde os nenos estarán de noraboa coa actuación de Mamá Cabra e xa para todas as idades destaca a de de Buxos Verdes.

Pero non só haberá música, tamén está prevista a actuación dos títeres Monifates, dirixido a público infantil e haberá xogos tradicionais durante toda a xornada a cargo de Xotramu, un regreso moi esperado tras dous anos sen actividade. Para que os visitantes se animen a pasar o día, tamén haberá polbo e varias food trucks con diversas variedades de comidas.

O Concello decidiu optar por esta celebración unha vez que a situación do virus está controlada e tralo éxito acadado o ano pasado, cando si se celebrou esta cita aínda que non máis restricións debido ás limitacións sanitarias.

Esta singular celebración naceu no ano 2016 pola colaboración entre a Asociación de Artesáns da Terra Chá e o Concello de Muras co obxectivo de “axudar a manter vivos os nosos oficios achegándoos a quen valora o feito a man e o legado de séculos que atesoura”.

Se a primeira edición foi un éxito, non faltou este nas seguintes edicións nas que pequenos e grandes atopan un oco para desfrutar da xornada con múltiples actividades.

“É un escaparate aberto para aprender a valorar a beleza dos oficios, con demostracións en vivo dos artesáns chairegos de cómo se traballan tecidos e granito, madeiras, metais, barro e vimbios. Obradoiros sobre cociña e artesanía e charlas sobre emprendemento sostible chaman a atención de moitos e moitas para ouvir de primeira man experiencias que funcionan”, din no Concello.

PROGRAMA

  • 11.00 Apertura da Feira
  • 12.00 Charla de elaboración de cervexa artesá con cata de cervexa Meiga, para 20 persoas.
  • 12.00 Obradoiro para nenos e instrumentos musicais con Xaneco.
  • 13.30 Actuación de Charanga Mecánica
  • 15.00- 16.00 Carpa de artesanía pechada
  • 17.00 Concerto de Mamá Cabra
  • 17.00 Obradoiro de barro para adultos con Carlos San Clodio
  • 18.00 Actuación de títeres Monifates con De festa en festa
  • 19.45-20.15 Actuación das escolas de música e baile tradicional de Muras e Bretoña
  • 20.15-21.15 Actuación de Buxos Verdes
  • 21.30 Actuación de Xisco Feijóo
  • 23.00 Charla Influencia da astronomía na cultura e costumes da Chaira. Interpretación do ceo nocturno, de Marcos López e Paulino Gasalla.