Skip to main content
Lugo

CCOO e UXT piden salvar ao servizo postal cunha acampada en Lugo

Por 18 Maio, 2022Maio 19th, 2022Sin comentarios

CCOO e UXT veñen de anunciar a realización dunha acampada diante da Delegación da Axencia Tributaria, en Lugo. Baixo o lema Salvemos ao servizo postal, as forzas sindicais protestarán, así, polo “desmantelamento” do Servizo Público Postal e de Correos. Durante o tempo que dure a acampada, os sindicatos realizarán unha campaña de recollida de sinaturas, entrega de octavillas e asembleas explicativas da campaña para a cidadanía

Con Salvemos ao servizo postal, os sindicatos pretenden concienciar e involucrar á cidadanía sobre as “graves consecuencias do abandono postal que o presidente de Correos está levando a cabo co consentimento do Goberno”.

“A cidadanía ten que sorportar diariamente a perda de calidade e regularidade do reparto a domicilio do servizo postal público”, denuncian os sindicatos que culpan destas eivas aos “recortes financieiros e de plantel”.

Asemade denuncian o peche de oficinas e centros de reparto así como a supresión de postos no ámbito rural ou o recorte dos horarios de atención á cidadanía.

“ A normativa establece que o servizo postal universal debe ser tamén asequible no seu prezo, pero a pesar de iso, o presidente de Correos incrementou as tarifas postais de forma desproporcionada e continuada os últimos anos, afectando especialmente a produtos postais públicos do servizo universal que sofren as pequenas e medianas empresas”, explican.

Para CCOO e UXT, o recorte de máis de 7000 postos de traballo en tres anos unido ao obxectivo da empresa de recortar outros 8000 e chegar aos 20.000 postos a tempo parcial antes do 2025, “poñen en cuestión a prestación de calidade que ten encomendada Correos”.

CCOO e UXT continuarán coas mobilizacións durante o mes de maio cara á folga xeral convocada para os días 1, 2 e 3 de xuño, esixindo ao Goberno “salvar o servizo postal do despezamento e o abandono e a súa repercusión para o Correo público, a cidadanía do país, o emprego e os dereitos dos traballadores e traballadoras de Correos”.