Skip to main content
Lugo

Os escoceses Saor Patrol tocarán no Arde Lucus

Por 12 Maio, 2022Maio 16th, 2022Sin comentarios

Xuño achégase e o evento máis agardado en Lugo é o Arde Lucus. Pouco se coñece, polo momento, do programa desta festividade da que o Goberno local vai dando a poucos. A concellería de Xuventude, organizadora das festas anunciou, hoxe un novo concerto para estas datas.

Saor Patrol, unha das bandas escocesas máis recoñecidas e de maior proxección internacional, será unha das actuacións musicais fortes, xunto coas Tanxugueiras, da programación para o Arde Lvcvs deste ano. Así o anunciou hoxe a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que destacou o interese do Concello por “seguir apostando por traer música de gran calidade a Lugo para consolidarnos como cidade de grandes concertos”.

Nesta liña, a rexedora destacou “o enorme atractivo que xa supón o Arde Lvcvs para as bandas de renome internacional, porque Lugo será o único sitio onde se poderá ver no Estado a Saor Patrol neste 2022, grupo que vén a Galicia, ademais, por vez primeira”. A súa presenza, sostivo, servirá tamén para avanzar no recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional, xa que agora ten o recoñecemento galego e nacional.

Mauricio Repetto, concelleiro de Xuventude destacou que este concerto, que se celebrará o día 11 de xuño, así como o de Tanxugueiras, previsto para o peche da festa, o día 12 de xuño, será gratuíto.

“A súa caracterización en escena, cun vestiario que evoca á dos antigos clans escoceses e un directo potente e cativador no que rememoran as antigas fazañas e lendas do seu pobo, entronca directamente coa festa de Arde Lvcvs”, sostén o concelleiro.