Skip to main content
Lugo

Éxito da entrega de libros de balde organizada polo concello de Lugo

Por 18 Maio, 2022Maio 19th, 2022Sin comentarios

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, participou onte na entrega de libros gratuitos que o Concello de Lugo realizou onte, polo Día das Letras Galegas. Preto de 500 persoas achegáronse a recoller un exemplar do fondo bibliográfico municipal.

Arroxo explicou que esta iniciativa, que xa foi un éxito o pasado ano, “recibe unha gran aceptación da veciñanza”. Ademáis, dixo o vicealcalde que “con estas entregas de libros achegamos á veciñanza obras en galego que non se poden atopar noutros sitios, dado que procedentes do fondo municipal e que tratan temas como a historia da cidade”.

A entrega de libros abriu un 17 de maio cheo de actividades culturais en Lugo. A xornada continuou no Cemiterio Municipal cunha actuación musical por parte da agrupación Claustromusical e unha lectura poética de textos a cargo de Tareixa Campo.

Lugo recuperou, asemade, a Feira do Libro, que estará presente ata o vindeiro domingo e na que 11 librarías ofrecerán as súas obras nas casetas habilitadas na praza Maior.

O concelleiro de Educación, Felipe Rivas, participou na inauguración da actividade, e afirmou que “hoxe máis que nunca é preciso defender e utilizar a lingua galega, un dereito que as galegas e galegos temos recoñecido na Declaración Universal dos Dereitos Linüísticos e na Carta Europea das Linguas”.

Rivas desculpou a ausencia da Concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, que non puido acudir á actividade debido a unha cuestión persoal. O escritor e enfermeiro lucense Héctor Castiñeira, coñecido como Enfermeira Saturada, foi o responsábel de dar o pregón co que iniciou esta Feira do Libro.

Para rematar o día, as corais de Lugo organizaron unha homenaxe a Florencio Delgado Gurrriarán pola tarde, a partir das 18h, no quiosco da Praza Maior.

Contará coa presenza da Coral Xolda Polifónica, Solo Voces, Schola Gregoriana Lucensis, Cantar Delas, Orfeón Xoán Montes Conjunto Vocal Lugh, Coral Amigos do Camiño, Coral do Hospital de Lugo, Coral Ecos do Miño Astelu e Orfeón Lucense.