Skip to main content

A Deputación de Lugo estreou esta fin de semana a segunda edición do programa de turismo deportivo e de aventura Actívate con actividades vinculadas co sendeirismo e a espeleoloxía nos concellos de Ribas de Sil, na xornada do sábado, e A Pontenova, o domingo. A iniciativa tivo unha gran acollida e a totalidade das prazas dispoñibles nestas dúas primeiras actividades quedaron cubertas.

A través do programa Actívate, a Deputación ofrecerá as fins de semana ata o mes de xullo un total de 26 actividades gratuítas para todos os públicos ao aire libre noutros tantos concellos da provincia co dobre obxectivo de seguir apoiando ao sector turístico, a hostalería e o comercio e, ao mesmo tempo, avanzar nun modelo de turismo de calidade e sostible, que pon en valor o rico e diverso patrimonio da provincia e que dinamiza a economía e o emprego, sobre todo no rural.

As inscricións ábrense progresivamente todos os venres, cunha semana de antelación, ata completar o calendario. Nestes momentos, está aberto o prazo para anotarse nas vindeiras propostas: iniciación á escalada, en Baleira, o 7 de maio, e agroturismo e introdución á apicultura, en Láncara, o día 8.

As persoas interesadas poden anotarse na web http://inscricions.deputacionlugo.org Para máis información, poden enviar un correo electrónico a activate@deputacionlugo.org ou chamar ao teléfono 982.26.02.35.