Skip to main content
Comarca LUGOXALáncara

Achados petróglifos na ‘Pena Tallada’, entre Becerreá, Baralla e Láncara

Por 4 Maio, 2022Sin comentarios

O colectivo Patrimonio dos Ancares vén de documentar novos petróglifos atopados na comarca. Así, segundo indican integrantes do colectivo, de novo atoparon unhas coviñas debuxadas na coñecida como A Pena Tallada.

A 1032 metros de altitude, entre os concellos de Becerreá, Baralla e Láncara, atópase este novo achádego. Un documento redactado polo escribán Joseph Pardo y Vivero, de 1712, xa falaba desta Pena Tallada. Nel explicaba que había unhas “fendiduras que son coma cuncas”. Así describía o autor as agora coñecidas como coviñas.

Ademáis deste documento, a Pena Tallada cítase como marco divisorio entre as tres freguesías nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada, datado de 1752.

Neste caso, trátase de dous grupos de dúas e tres fendiduras máis unha que aparece máis illada. As medidas rondan entre os 4 e os 6 centímetros de diámetro e ata uns 2 centímetros de profundidade.

Malia que noutros achádegos semellantes podíase lanzar algunha hipótese da antigüidade destas coviñas, estas non están asociadas a ningún outro motivo polo que se dificulta esta opción.

Con todo, nas proximidades localízanse seis mámoas construídas hai uns 6000 anos. Unha delas, documentada polo colectivo en xaneiro de 2020, xa foi catalogada pola Xunta.