Skip to main content
Comarca LUGOXA

Adxudicado o servizo de conservación de estradas da Montaña

Por 6 Maio, 2022Maio 10th, 2022Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe a adxudicación, durante cinco anos, do servizo de conservación e mantemento das estradas da Montaña. Así o informou a voceira do Goberno, Pilar García Porto, quen explicou que se trata do último dos oito lotes de contratos por este servizo na provincia.

Así, por un importe de máis de 825.000 euros a empresa adxudicataria deberá manter en bó estado a rede de estradas provinciais que transcorren pola Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.

García Porto destacou a importancia deste contrato, co que queda cuberta toda a rede viaria provincial. “Poden levarse a cabo as tarefas necesarias para a conservación e o mantemento das estradas, así como a atención de emerxencias, causas sobrevidas e consecuencias das inclemencias meteorolóxicas que lles afecten”.

“Este contrato dá mostra de que para nós a mellora das comunicacións viarias é unha prioridade porque son necesarias para favorecer a calidade de vida das persoas e a igualdade de oportunidades”, explicou a voceira socialista e destacou que se leva a cabo co fin de poder actuar dun xeito máis áxil e eficaz “sobre todo tendo en conta a enorme rede de estradas coa que contamos, que, lembremos, é a máis extensa de toda España e tres veces maior ca da Xunta de Galicia na provincia de Lugo”.

O conxunto do contrato de prestación dos servizos de conservación e mantemento da rede viaria provincial foi adxudicado por máis de 6 millóns de euros.