Skip to main content

Ata o vindeiro 7 de xuño poden solicitarse as bolsas para pilotos de rally que convoca a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. As achegas están dirixidas a deportistas federados nalgunha das federacións oficiais de automobilismo, de calquera categoría, nas modalidades de rally de asfalto, terra e montaña e vehículos históricos, e con residencia na provincia.

As bolsas oscilan entre os 300 e os 2.500 euros, dacordo cos resultados acadados polas persoas solicitantes nas probas disputadas nos campionatos galegos, estatais e internacionais, do posto acadado na clasificación xeral do Campionato Galego e da participación nas probas do Campionato Galego que se disputan na provincia de Lugo – Rally da Mariña, Rally San Froilán, Subida a Chantada e Subida á Pontenova. Así se recolle nas bases publicadas este martes no Boletín Oficial da Provincia e dispoñibles, xunto aos formularios de solicitude, na páxinas web da Deputación de Lugo.

O deputado de Deportes Efrén Castro sinalou que esta liña de axudas pretende “apoiar unha modalidade deportiva moi esixente economicamente, sobre todo para as persoas que se inician nela e que teñen máis dificultades para optar a patrocinadores privados” e lembrou que “a de Lugo é a única entidade provincial cunha convocatoria específica para deportistas de rally, froito da grande afección coa que conta este deporte nas diferentes comarcas”.

Esta liña de axudas inscríbise nas accións que se desenvolven desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo para a promoción do automobilismo, entre elas, o apoio económico ás probas do circuíto galego que se celebran na provincia e o Volante Deputación, un evento que se celebra cada ano no circuíto da Pasotirza e que promove a formación e dá oportunidades de incorporarse á competición a novos talentos.