Skip to main content
Antas de Ulla

IGV reúnese en Antas para reclamar alternativas de “vida e traballo digno” para os concellos do interior

Por 7 Maio, 2022Sin comentarios

Antas de Ulla impulsa hoxe unha nova xuntanza do movemento cidadán Interior Galego Vivo (IGV), que leva dende 2015 organizando a revolta das comunidades do interior galego coa vontade de “avanzar o camiño sumando desde a humildade e a transversalidade”.

Este movemento convertiuse xa en punto de encontro da veciñanza, agrupacións locais e asociacións na reclamación dunha “vida digna” no interior galego.

O pasado mércores fixo tres anos dende que tres candidaturas municipalistas do interior galego comprometíanse de xeito público a traballar cooperativamente en alternativas “de vida e traballo digno” para as comarcas do interior galego. Dende aquel entón, o colectivo asegura que non deixou de medrar.

Asemade, IGV comezou a promover e integrar diferentes liñas de traballo a través da colaboración entre os diferentes concellos con representación na plataforma.

Así, Interior Galego Vivo convértese nunha formación social e política que quere loitar contra o despoboamento “que induciron nas nosas parroquias e vilas”. Un feito que leva ao nacemento de dsequilibrios territoriais contra os que tamén pretenden loitar.

Entre os seus obxectivos, ademáis dos demográficos, atópase a loita contra as agresións ao territorio ou a mingua e supresión de servizos públicos. Algo, que segundo denuncian, “deterioran as condicións de vida das nosas xentes e negan oportunidades formativas e laborais á nosa mocidade”.

Defínense como “unha formación que ergue e defende alternativas e un novo modelo de desenvolvemento máis equiliubrado e xusto, que precisa tamén dunha fiscalidade rural axeitada”, explica o colectivo.

Na súa quinta asemblea, que se celebra hoxe en Antas de Ulla, priorizarán a construción dunha ferramenta organizativa “flexíbel e máis eficaz”. Calquera poderá participar nas súas mesas temáticas nas que tratarán, entre outros temas, a agrogandeiría, coidados, vivenda, transporte, fondos NextGeneration, lecer o xuventude.

Cada mesa abordará varios temas que compartan aspectos relacionados para que a cidadanía e os diferentes colectivos poidan ofrecer as súas propostas. “Xa á tarde, a xuntanza rematará cunha posta en común de conclusións do traballo da mañá”.

“É vital tecer rede con diferentes colectivos e persoas e construír unha organización cunha dinámica regular que elabore na praxe un programa común e alternativas para actuar na instancia política a prol da nosa xente e da nosa Terra”, argumentan.

Para rematar a xornada, IGV propón aos asistentes a realización dunha pequena camiñada polas terras da Ulloa.