Skip to main content
Becerreá

Os Ancares reclaman unha educación “digna e de calidade” na comarca

Por 3 Maio, 2022Sin comentarios

A comunidade educativa do IES Becerreá saiu hoxe de novo ás rúas para reclamar á Xunta un ensino “digno e de calidade” na comarca dos Ancares. Membros do PSdeG e do BNG acompañaron a este colectivo de pais e estudantes na marcha polas rúas da localidade.

Entre outras peticións, estudantes, profesorado e pais dos alumnos reclaman que se recupere a asignatura de francés, eliminada da programación por non chegar ás matriculacións mínimas esixidas pola Xunta. “Estaremos sempre apoiando aos pais e nais afectados, aos alumnos e todo o profesorado desta Comarca que demandan melloras educativas na Montaña Lucense, por un ensino público e de calidade”, explicou a Deputada Autonómica do PSdeG, Patricia Otero.

Xunto a ela, o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández, e os voceiros socialistas de Becerreá, Baralla e Baleira, Ana Rubinos, Jaime González e Laura Burgué, así como compañeiros e militantes de Cervantes, Pedrafita do Cebreiro e As Nogais, participaron na manifestación que se celebrou en Becerreá, na que a comunidade educativa desta comarca demandou unha oferta educativa en pé de igualdade da que dispoñen os seus compañeiros e compañeiras das cidades.

A comunidade educativa contou tamén coa presenza de Carme Aira, deputada do BNG por Lugo no Parlamento galego, Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo, Efrén Castro, deputado provincial e concelleiros do partido na comarca.

Esta mobilización é unha acción máis dentro das concentracións que levan desenvoltas durante todo este curso escolar as nais e pais e o estudantado do IES de Becerreá, por mor dos recortes en materias optativas de bacharelato no centro.

Carme Aira reiterou o apoio do BNG á comunidade educativa “compartimos e apoiamos as reivindicacións das estudantes como das nais e pais do instituto de Becerreá ante esta situación discriminatoria, todas e todos temos dereito a unha educación de calidade sen prexuízo de onde vivas”.

A deputada do BNG por Lugo destacou a depreciación e a falta de servizos públicos no rural “a veciñanza da Montaña de Lugo está a sufrir as políticas do despoboamento, os recortes do instituto de Becerreá son a mostra do que está a facer no rural o PP á fronte da Xunta”.

O BNG trasladou esta situación ao Parlamento galego como a outras institucións defendendo a necesidade de consolidar servizos públicos de calidade e adaptados ao territorio, no que as persoas que vivan no rural poidan desenvolver unha vida plena e con igualdade de condicións.