Skip to main content
Castroverde

O PSdeG de Castroverde critica as declaracións do PP sobre as inversións da Xunta no Concello

Por 2 Maio, 2022Sin comentarios

Os socialistas de Castroverde tildan de mentiras as declaracións do PP en relación aos investimentos da Xunta no Concello. O alcalde da localidade, José María Arias Fernández, aclaroulle hoxe ao PP que o investimento para as melloras no CPI de Castroverde non son de 719.950 euros, tal e como anunciaron.

Pola súa banda o voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, Luís Álvarez, explicou que tal e como consta no seu expediente, “o investimento destinado por parte da Conselleira de Educación para as obras de substitución de carpinterías, falsos teitos, luminarias e caldeira no CPI, así como para a mellora da ventilación e acondicionamento de aulas en cumprimento do protocolo covid-19 ascenden a 305.014, 72 euros. O expediente deste proxecto pode comprobarse nas resolucións da Xunta”, sinalou.

Así as cousas, o alcalde emprazou aos responsables do PP “a revisar con máis atención as cifras que publicitan nas súas panfletadas. Si queren anunciarlle aos veciños cales son as inversións do Goberno do PP na nosa vila, non lles mintan. Ademais poido asegurar que non son cifras para sentirse orgulloso, xa que publicitan proxectos como por exemplo o Fondo de Cooperación Local ou a Axuda ao Fogar, que son as que nos corresponden por lei, nin máis nin menos”, replicou.

E proseguiu coas súas criticas, “xa nos gustaría que na nosa vila houbese proxectos da Xunta por valor de 700.000 euros, pero lamentablemente non hai nin o primeiro”, dixo. E lembrou que o único proxecto de calado para a nosa vila “foi a apertura da nosa residencia de maiores con fondos públicos da Deputación de Lugo, e fíxose con cero euros da Xunta e do PP”, insistiu Arias.

“Si queren presumir de inversións no noso Concello empecen por implicarse máis en mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza, pero sen mentir, sen enganar e sen manipular as cifras”, resumiu José María Arias.