Skip to main content
O Corgo

O BNG demanda a mellora da rede móbil no Concello do Corgo

Por 2 Maio, 2022Sin comentarios

A fibra óptica só chega a unhas poucas parroquias e, aínda neses casos, establécese a conexión de forma irregular; chegando, incluso, a non ter cobertura móbil.

O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno do Estado actuacións no Concello do Corgo dentro do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión-Banda Larga. A organización nacionalista rexistra preguntas para coñecer que actuacións se realizarán para mellorar a conexión no concello do Corgo, e dar cumprimento á normativa sobre o servizo universal que se debe garantir en todos os núcleos de poboación. Asemade, os nacionalistas demandan realizar as modificacións lexislativas necesarias para asegurar que unicamente se poida facturar ás persoas usuarias polo servizo prestado.

“Moitos concellos da Galiza, en pleno século XXI, seguen a ter problemas pola cobertura de telefonía móbil, tanto para as chamadas como os datos de internet” denuncia o deputado do BNG, Néstor Rego. De facto, Rego sinala que fóra das cidades, en moitos concellos a conexión non chega aos 20 MB reais “o que dificulta a fixación de poboación e a implantación de moitas empresas”.

No caso do Concello do Corgo, segundo os nacionalistas explican, pódese comprobar que a maioría dos núcleos de poboación atópanse en zonas sen conexión, na zona branca segundo a identificación da zona brancas e grises da NGA. “Algo que constatan a diario a veciñanza, que non ten acceso a cobertura de telefonía móbil para realizar chamadas e, moitos menos, acceso a internet, nin móbil, nin fixo”, enfatiza Rego.

A fibra óptica só chega a unhas poucas parroquias e, aínda neses casos, estabelécese a conexión de forma irregular. Na maioría resulta imposíbel a comunicación telefónica ou conectarse a internet para realizar as xestións máis sinxelas. “Con todo, os clientes deben afrontar o pago do total da factura coma se gozasen dun servizo adecuado, cando en realidade reciben unha prestación defectuosa” subliña o deputado do BNG.

En 2021, publicábase a convocatoria do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión – Banda Larga (ÚNICO-Banda Larga) que inclúe actuacións en Lugo e aparecen como que se atopan en execución, “mais descoñecemos o seu verdadeiro alcance e se entre os  concellos beneficiados polas actuacións está o citado  Concello do Corgo” explica o deputado do BNG. 

A futura Lei Xeral de Telecomunicacións, votada a pasada semana na cámara baixa que o BNG emendou para resolver os problemas de conexión, propón  incluír no seu artigo 35 que se considere obrigatorio dentro do servizo universal, “o servizo de acceso adecuado e dispoñible a unha internet de banda larga a través dunha conexión subxacente nunha localización fixa, que deberá soportar o conxunto mínimo de servizos”.

Da mesma maneira, demanda ao Goberno a realizar as modificacións lexislativas necesarias para asegurar que unicamente se poida facturar ás persoas usuarias polo servizo efectivamente prestado.