Skip to main content
Lugo

Localmente Lucense celebrou o Día Internacional do Emprendemento

Por 1 Maio, 2022Sin comentarios

Localmente Lucense celebrou este venres no CEI Nodus o Día Internacional do Emprendemento, unha efeméride que se conmemora internacionalmente cada mes de abril para dar visibilidade e fomentar o espírito emprendedor. Dende as 11:00 da mañá, máis de medio centenar de persoas participaron nas actividades programadas con motivo deste evento, impulsado pola rexedora, Lara Méndez, no marco do Plan de fomento do emprendemento e consolidación Empresarial.

Esta cita é unha ocasión magnífica para dar visibilidade e poñer en valor o tecido emprendedor e empresarial da cidade, as pequenas e medianas empresas son o motor da economía e a celebración deste tipo de eventos pretende ser un recoñecemento hacia elas, ao tempo que propiciamos o intercambio de sinerxias e a posta en contacto de proxectos innovadores con selo lucense para seguir medrando.

A xornada, que tivo lugar nos xardíns do viveiro de empresas municipal, organizada pola área de Desenvolvemento Local e Emprego, que dirixe a edil, Ana Abelleira, reuniu a un nutrido grupo de empresarios e emprendedores lucenses que compartiron experiencias e reflexións a través de cinco mesas redondas. Deu comezo coa lectura dun manifesto a cargo de Héctor Otero, CEO de M&D, unha axencia de Youtubers; e contou tamén con diferentes gastro paradas a cargo de chefs lucenses.

Durante a xornada de tarde tivo lugar a presentación dos nove proxectos finalistas do certame “Elevator pitch LocaLmente Lucense, Desafío Emprende 2022” e unha sesión de música en directo co Dj. Dr. Think, acompañado do saxofonista Mike Rolling. Como colofón, fíxose entrega dos premios do concurso. Os tres proxectos que acadaron as maiores puntuacións recibiron un premio de 1.250; 750; e 500 euros, respectivamente. O xurado valorou a innovación e o compromiso social e medio ambiental no desenvolvemento das ideas e proxectos presentados, entre outros aspectos.

As cinco mesas redondas celebradas ao longo da mañá foron as seguintes:

  • Emprender no s. XXI (Cristina Quintana Pereiras, de BancoSabadellGallego; Juanpe Granados, de Estati.co; e María Sánchez Castedo, de Ceniza de Papel).
  • Emprendedoras Empoderadas (Cristina Mejías, artista multidisciplinar; Lidia Moya Herrero, de Diaconía Lugo; e Dayanara Febles Sepúlveda, de Dúo Baking).
  • Innovación e Tendencias (Vanesa Rivas, de Festigaleiros; Gonzalo Abuín, de Data Monitoring; e Jennifer Núñez, de Nunstudio SL).
    O fracaso como parte do éxito (Elena Belgrano, de Elena Belgrano Arquitectura; Guillermo Fajardo, de Bororo Concept Store; e Montse Arias, de Montse Arias).
  • Superpoderes do emprendedor/a (Edu Souto, de Eduardo Souto Hair Studio; Pablo López Álvarez, de CIO Innogando; e Carlos Ledo, de Experiencias del Destino).