Skip to main content
Lugo

Lugo Monumental pide a revisión das taxas de Ocupación da Vía Pública tras anulalas o TSXG

Por 2 Maio, 2022Sin comentarios

Lugo Monumental denuncia que o Concello de Lugo “pretende seguir cobrando as taxas de ocupación de vía pública” tras adquirir firmeza a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula o artigo catro da Ordenanza Municipal de Ocupación da vía pública, no que se establecen as tarifas a aplicar. Por iso, a asociación de empresarios do Casco Histórico, pide a revisión e modificación desta ordenanza municipal ou a creación dunha nova “que teña sentido”.

Así, o alto tribunal galego “dá a razón” a asociación, o que supón, que o Concello non podería aplicar esta ordenanza. Segundo explica o colectivo, “ a anulación deste artigo fai caer pola base todo o texto”. Do mesmo xeito, non é aplicable a ordenanza anterior, que perdeu a súa vixencia ao ser aprobada a nova, e non ser anulada na súa totalidade.

O colectivo de empresarios pon o foco, ademais, no recente exemplo das bases para a instalación de postos no Arde Lucus, un documento que xa foi recorrido por Lugo Monumental “sen que ata o momento se recibira resposta a dito recurso”.

A asociación púxose a disposición da administración local para a redacción dunha nova ordenanza “que teña sentido”. “Parece que sería lóxico, tras ter sido anuladas todas as ordenanzas que se aprobaron sen consenso nos últimos anos, sentarse a tratar sobre as mesmas coas entidades que reiteradamente amosaron nos xulgados que tiñan razón nos seus plantexamentos”, conclúe Lugo Monumental.