Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo abrirá unha convocatoria de axudas á rexeneración do Centro Histórico

Por 3 Maio, 2022Sin comentarios

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobará mañá as bases reguladoras dunha nova convocatoria de axudas á rehabilitación do Centro Histórico. Con ela, o Executivo local pon a disposición da veciñanza máis de 430.000 euros.

Ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda, o MITMA destinará máis de 386.000 euros, a Consellería de Medio Ambiente 99.808 euros e a Administración Local 44.000 euros para a rehabilitación do recinto amurallado.

O investimento municipal, segundo explicou a tenenta de alcaldesa Paula Alvarellos, irá dirixido a sufragar xunto ao Goberno Central, parte dos labores de reurbanización que resulte necesario executar de xeito complementario ou para a renovación de servizos. Tamén aboradarán, en colaboración co executivo autonómico, os custos do equipo técnico de xestión.

“O procedemento, xestionado dende Evislusa, nos permitirá subvencionar actuacións relacionadas coa conservación e mantemento de inmobles, a adopción de sistemas de aforro e eficiencia enerxética ou a mellora da súa accesibilidade. De maneira que se agarda chegar a promover, entre financiamento público e privado, un volume de negocio que superará os 1’3 millóns de euros (1.357.142 €)”, sinalou a concelleira.
As vivendas obxecto deste procedemento, que segue o réxime de concorrencia competitiva, deben estar destinadas a uso residencial.

Requisitos

Alvarellos Fondo sinalou tamén que será preceptivo que o edificio obxecto da reforma conte con división horizontal e, cada unha das vivendas, coa súa devandita referencia catastral. Entre os traballos subvencionables atópase a reparación de cubertas, da carpintería exterior, das escaleiras, portal, rexerías, tratamentos de fachada, medianeiras ou chemineas así como melloras da accesibilidade, adopción de sistemas de aforro enerxético ou o propio mantemento do inmoble cando estea afectado por algunha patoloxía estrutural, etc…

“Para a concesión das axudas terán preferencia, en primeiro lugar, as construcións catalogadas sobre as non catologadas e, dentro daquelas, terán prioridade as situadas no Burgo Medieval, seguidas polas do Ensanche Decimonónico e as do Ensanche Recente. Logo, unha vez seleccionados os expedientes por ese orde, procederase a unha segunda escolla en función do tipo de actuación a realizar”, abondou a edil.
Paula Alvarellos, apuntou tamén que algúns dos artigos que regulan as axudas, que terán carácter de subvención a fondo perdido, foron modificados xa na anterior convocatoria non só para aumentar o importe senón tamén para favorecer a participación e acadar un maior número de beneficiarios.