Skip to main content
Lugo

Tomé: “O talento é unha materia prima moi abundante na provincia”

Por 5 Maio, 2022Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, participou hoxe na inauguración da I Feira de Emprego e Talento. Organizada pola Asociación de Empresarios do Ceao e As Gándaras (AEPOCAG), a cita que se desenvolve ao longo do día de hoxe, recibiu tamén as visitas da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndes e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera.

Tomé felicitou ao colectivo empresarial por lanzar esta iniciativa que tildou de “interesante e positiva” tanto para a capital como para o conxunto da provincia. O evento nace co propósito de consolidarse como unha cita importante do sector económico nos vindeiros anos, un éxito que o propio Tomé augurou para o colectivo.

“O talento é unha materia prima moi abundante na provincia de Lugo, iniciativas coma esta axudarannos a retelo aquí e a sacarlle o mellor proveito para o desenvolvemento social e económico do territorio”, afirmou Tomé.

“Creo que necesitamos de encontros coma este na nosa provincia, precisamente neste momento no que a ilusión por ver superada a pandemia se ve ensombrecida pola crise derivada da guerra no este de Europa. Cando a realidade se volve pesimista, todos e todas debemos aportar iniciativas que axuden ó optimismo. E penso que a filosofía, o plantexamento desta feira, dannos motivos para elo”, manifestou.

Valorou o enfoque da cita porque “aposta polo diálogo e pola información, por poñer en contacto directo a empresas, a traballadores e traballadoras, a estudantes e a emprendedores e emprendedoras, de tal forma que poidan compartir situacións e experiencias: o que ofertan, o que buscan, os proxectos que xa teñen en marcha ou os que lles gustaría sacar adiante”.

O Presidente salientou que a promoción económica e do emprego e o apoio aos sectores produtivos da provincia son para a Deputación “unha das liñas de actuación prioritarias”. Así o reflexan nos Orzamentos, “que desenvolvemos de maneira directa ou en colaboración cos concellos e co propio tecido produtivo, como é o caso da participación nesta iniciativa”.

COMPROMISO

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou nun foro desenvolvido esta mañá no marco desta I Feira de Emprego e Talento as principais medidas que ten en marcha a Deputación neste ámbito e detallou a información que está ofrecendo a institución no expositor co que conta nesta feira.

Así, Rivera Capón deu a coñecer o plan de apoio gratuíto ás empresas da provincia para avanzar na dixitalización Reiníciate: dixitaliza a túa empresa; o programa de formación e emprego para favorecer a inserción laboral da mocidade Reiníciate: enfoca o teu futuro, e de desempregados de longa duración Reiníciate: encamiña o teu futuro. Tamén explicou o funcionamento do servizo de emprego que ofrece a Deputación a través da Axencia de Colocación; e o Punto de Atención ao Emprendemento para axudar a lanzar e consolidar novos proxectos empresariais.