Skip to main content
Lugo

A Deputación cede á UNED o edificio do centro asociado en Lugo

Por 6 Maio, 2022Sin comentarios

José Tomé, presidente da Deputación vén de asinar un convenio a través do cal a institución provincial cede á universidade a distancia o inmoble do centro asociado de Lugo. O edificio atópase no barrio Tolda de Castela e o Goberno provincial cederao de maneira gratuíta e temporal por 49 anos.

Con este convenio, a UNED contará con máis autonomía de xestión do centro e deberá manter en perfecta conservación as instalacións, sendo responsable dos danos, detrimentos e deterioracións causadas.

Á súa vez, a UNED deberá costear de xeito íntegro os servizos como electricidade, auga ou liñas telefónicas. Ademais, deberá pagar os tributos que afecten ás instalacións. Pola súa banda, a zona de estacionamento será de utilización conxunta da UNED e da Deputación, contribuíndo a partes iguais ao seu mantemento. Esta cesión derívase do acordo de colaboración que no seu día estableceu o convenio para a construción das instalacións no barrio da Tolda.

A Deputación destinou 2 millóns de euros para converter o antigo Hotel Miño no centro de referencia da Universidade a Distancia no noroeste, construíndo unhas instalacións pioneiras e de primeiro nivel. Con este centro, Lugo deixou de ser a única capital galega na que a Universidade a Distancia non tiña centro físico, e tamén axudou á súa consolidación e a implantación de novas formacións.

A institución provincial colabora cunha achega total de preto de 300.000 euros anuais coa Universidade de Educación a Distancia para gastos derivados do centro lucense e a posta en marcha de diferentes proxectos cos que o seu alumnado pode ampliar a formación.