Skip to main content
Lugo

As mulleres xornalistas centran o novo mural do Culturban

Por 9 Maio, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo deu o pistoletazo de saída á terceira edición do festival de arte urbano Culturban. O programa, posto en marcha pola área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua xunto ao Espazo LUPA, comezou coa elaboración dun mural no exterior das instalacións de Radio Taxi, no parque da Milagrosa.

Ata alí desprazouse hoxe o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, que visitou a zona xunto a concelleiros nacionalistas do Goberno. “Con este novo mural, seguimos avanzando na renovación da imaxe das instalacións do Parque da Milagrosa”, explicou Arroxo.

Foi, precisamente, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quen promoveu a creación deste mural co gallo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, celebrado pasado 3 de maio.

A artista encargada de decorar este espazo, foi Xoana Almar, integrante do colectivo Cestola na Cachola e que traballa nunha proposta fundamentada nun dos principios básicos do xornalismo: ir, ver e contar.

Asemade, Almar intenta visibilizar o papel das mulleres como a maior forza de traballo nas redaccións de toda Galicia e a importancia de escoller voces e olladas femininas como fonte de información para reflectir a pluralidade.

Rubén Arroxo explicou que “desde a concellería de Infraestruturas realizamos nestes anos unha serie de intervencións que permitiron renovar a imaxe do parque da Milagrosa”, e destacou ”a renovación do exterior do Auditorio Municipal Gustavo Freire, unha actuación executada durante o 2020 que foi moi demandada tanto polos colectivos culturais que fan uso das instalacións como das usuarias e usuarios do parque, e que durante o 2021 permitiu realizar unha gran cantidade de actividades no exterior do auditorio”.