Skip to main content
Lugo

Consolídase no CEIP de Albeiros o uso dos Vieiros Escolares Seguros

Por 10 Maio, 2022Maio 11th, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo continúa traballando na seguridade viaria dos nenos da cidade. Neste sentido, o tenente alcalde, Rubén Arroxo e o edil de Educación, Felipe Rivas, participaron esta mañá nos Vieiros Escolares Seguros, postos en marcha pola concellería de Educación no colexio de Albeiros.

Arroxo explicou que “con esta iniciativa buscan crear o hábito de ir a pé ao colexio”, e considerou que as iniciativas de calmado do tráfico que executou a área de Mobilidade “permitiron que este colexio fose un bo escenario para pór a andar este proxecto”. “Comezamos no colexio de Albeiros, a modo de proxecto piloto ata final de curso, e para o vindeiro ano continuaremos a expandir os vieiros a máis centros”, explicou o Tenente Alcalde.

Actualmente, as nenas e nenos que acoden ao colexio de Albeiros poden realizar dous percorridos, segundo a zona na que residan. O primeiro, parte desde a rúa do Xenebro, e continúa pola rúa Illa de Ons, percorrendo a senda peonil habilitada pola área de Mobilidade no pasado verán. O segundo percorrido chega ao centro a través da rúa Illas Canarias. Ambos percorridos contan con monitoraxe, e permiten que as nenas e nenos se vaian unindo ao longo do camiño, segundo a súa zona de residencia.

A posta en marcha dos vieiros escolares implica tamén “un cambio nas tendencias da mobilidade, reducíndose o uso do vehículo privado”, explicou Rubén Arroxo, que afirmou, “en todas as cidades nas que se promoveron, vimos como se eliminaron os problemas de tráfico nas entradas e saídas dos centros de ensino que actualmente podemos ver en Lugo”.