Skip to main content
Lugo

Uns 200 alumnos de primaria participan nos bautizos ecuestres de EQUIGAL

Por 11 Maio, 2022Sin comentarios

Continúa en Lugo o programa do XV Salón Internacional do Cabalo, EQUIGAL. Nestes días, uns 200 alumnos de seis centros escolares da provincia participan nas xornadas para toma de contacto cos cabalos. No día de hoxe, tiveron lugar os bautismos ecuestres para escolares, nos que participou tamén o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen destacou a importancia desta iniciativa.

“Supón un revulsivo para que os máis pequenos coñezan o mundo do cabalo e tamén lle perdan o medo a estes animais”, explicou o deputado sobre a iniciativa cabalar que se celebra co alumnado por primeira vez.

A Deputación de Lugo achega 40.000 euros para a celebración de EQUIGAL, o que supón o 80% do orzamento. “Apostamos por esta cita e, en consecuencia, polo mundo do cabalo como unha decisión lóxica e coherente no desenvolvemento de políticas que modernicen o noso sector primario, que o relacionen co mundo do ocio ou da investigación”.

Estas xornadas escolares son o paso previo ás probas deportivas que se levarán a cabo as fins de semana de maio a partir deste venres. “O Salón Internacional do Cabalo xera valor engadido e aporta unha proxección nacional e internacional ao noso agro, aumentando ata un 10% a presencia en algunhas probas, unha cifra que demostra que EQUIGAl é unha aposta segura para a nosa provincia”, celebrou Rivera Capón.

Está prevista a celebración de actividades gratuítas de iniciación ao mundo ecuestre dirixidas a escolares de quinto e sexto de Primaria.