Skip to main content
Lugo

Axentes sociais opinan sobre o proxecto de enogastronomía da Fábrica da Luz

Por 12 Maio, 2022Sin comentarios

A primeira Mesa de Participación convocada polo Concello de Lugo para implicar a distintos axentes sociais no proxecto de enogastronomía que o Goberno pretende abrir na Fábrica da Luz. A rexedora de Lugo, Lara Méndez, coordinou este primeiro encontro no que buscaba promover a implicación e para escoitar as inquedanzas dos axentes sociais do municipio con relación ao proxecto de enogastronomía.

Con este proxecto, o Executivo local concorrerá aos fondos europeos que se convocan ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Destinos no marco da Estratexia Estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno central. Unha reunión que se sucede á videoconferencia que a alcaldesa mantivo tamén, esta mesma tarde, coa Directora Xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, para presentarlle a iniciativa.

A xuntanza contou con representación do tecido empresarial e do sector turístico, así como da Universidade, aos que a propia alcaldesa lles deu conta dos detalles da candidatura lucense e lles trasladou toda a información relativa ás diferentes liñas de actuación que contempla.

“A nosa vontade é profundar nos posibles usos e utilidades que levamos tempo barallando para a Fábrica da Luz co obxectivo de acadar un gran consenso entorno á proposta definitiva, para o que tamén realizamos unha enquisa pública coa finalidade de que a cidadanía poida achegar as súas ideas e suxestións ao respecto”, sinalou Méndez.

A alcaldesa referiu que a decisión de optar por un proxecto de enograstronomía obedece á prioridade que os Executivos estatal e autonómico lle deron este ano a este factor, dentro das súas políticas turísticas e no que o Concello de Lugo se baseará, tamén, para pular por un modelo de turismo sostible e de calidade no municipio.

Dentro dos eixes previstos na convocatoria dos Fondos Europeos, encamiñados a favorecer a transición verde, Lara Méndez pretende recuperar na ribeira do Miño o edificio da Fábrica da Luz como un centro de referencia para o devandito cometido.