Skip to main content
Lugo

O BNG continuará na rede a campaña ‘Lugo quere tren!’

Por 11 Maio, 2022Sin comentarios

Lugo quere tren!, a campaña de recollida de sinaturas do BNG en prol dun tren digno para Lugo, continúa agora tamén en Internet. Os nacionalistas levan máis de 3000 sinaturas recollidas nas últimas semanas de recollida.

A campaña continuará nas rúas de Lugo ata finais de mes. O responsable local do BNG, Felipe Rivas, anunciou hoxe que o partido continuará a recoller sinaturas, esta vez, a través da plataforma change.org. A iniciativa pode asinarse a través da ligazón https://www.change.org/p/lugo-quere-tren.

O responsable local do BNG afirmou que “é preciso dotar Galiza de servizos ferroviarios dignos, con conexións interiores útiles pensadas para conectar ás galegas e galegos”.

A campaña Lugo quere tren! comezou o pasado mes de novembro, cunha concentración diante da estación do tren de Lugo. Durante a campaña participaron, nas distintas actividades, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado nacionalista no congreso do estado, Néstor Rego.

O BNG defende o ferrocarril como o medio de transporte do futuro, apostando pola transición enerxética e a mobilidade sostible. Entre as reclamacións do BNG mellorar as conexións ferroviarias de Lugo contémplase a posta en marcha da variante de Parga sen dividir a vila, a conexión coa zona norte da provincia, e a creación dun novo treito entre Curtis e Ordes que permita a conexión directa por ferrocarril entre Lugo e Compostela.

“Lugo é a única cidade de Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros”, afirmou Felipe Rivas.