Skip to main content
Lugo

O Concello propón unha gran proba do Corre con Nós en xuño

Por 13 Maio, 2022Maio 15th, 2022Sin comentarios

A concellería de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo organizará este próximo mes de xuño unha gran proba do Corre con Nós que, neste 2022, cambia de formato para adecuarse á situación sanitaria.

O responsable de área, Mauricio Repetto, avanzou hoxe que a carreira, que acostuma aglutinar 6 citas deportivas durante o ano, se concentrará, nesta edición, nunha soa ante o devir que foi experimentando a pandemia e que, no mes de xaneiro, cando correspondería realizar a primeira das competicións, coincidiu coa chegada dunha nova vaga de Covid que fixo reformular a estrutura do circuíto por motivos de saúde pública.

“Ante este contexto, dende o servizo de Deportes puxémonos en contacto cos e coas deportistas lucenses e coas asociacións que os agrupan e o que atopamos foi un apoio maioritario á decisión de aprazar a carreira. Non podemos obviar que no Corre con Nós se xuntan centos de persoas, entre elas menores de 3 a 7 anos acompañados das súas familias, en itinerarios estreitos nos que non se poden garantir as distancias de seguridade pero ao que, precisamente por ese carácter familiar, tampouco tería sentido acoutar ou limitar a asistencia, polo que dispuxemos adiala ata o final das restricións”, indicou Repetto Morban.

O edil sinalou tamén que, nestes momentos, esta área municipal traballa na preparación doutros dos eventos incluídos no calendario deportivo local como pode ser a Media Maratón que terá lugar este mesmo mes de maio e que precederá ao Corre con Nós, da que proximamente ofrecerá máis detalles.

“Sabemos que se trata dunha proba emblemática da cidade, cun notable éxito de público e de participación e que se constitúe, ano tras ano, como unha cita ineludible do calendario deportivo local, mais queremos que isto sexa así con todas as garantías polo que primamos a prudencia, postergando o seu inicio. Sen corredores e corredoras non hai carreira e a nosa máxima é sempre coidalos e protexelos antepoñendo a cautela”, concluíu Mauricio Repetto.