Skip to main content
Lugo

A USC oferta dez contratos de investigación no Campus Terra

Por 13 Maio, 2022Sin comentarios

Continúa aberto, ata o 31 de maio, o prazo para solicitar un dos 10 contratos de investigación predoutoral e postdoutoral para o Campus Terra. Unha convocatoria aberta pola USC no marco do convenio asinado coa Consellería de Cultura.

O obxectivo destas convocatorias pasa por promover a formación de investigadores predoutorais que realicen unha tese doutoral na USC sobre unha temática relacionada con calquera dos sete eixos científicos vinculados ao Campus Terra. Produción vexetal e agricultura sostible, produción e saúde animal, alimentación segura e saudable, xestión forestal sostible, tecnoloxías facilitadas ómicas e TICs, cambio climático ou biodiversidade e infraestruturas verdes. Asemade, tamén vai dirixida á estabilización de doutores que continúen a investigar sobre estes mesmos ámbitos temáticos.

Os seis contratos de investigación predoutoral incluídos nesta convocatoria e cuxas bases están accesibles no taboleiro de anuncios da sede electrónica da USC, van dirixidos a persoas matriculadas nos cursos 2020-21 ou 2021-2022 en calquera programa de doutoramento da USC.

A duración destes contratos predoutorias será de 3 anos, aínda que poderán prorrogarse unha anualidade máis de existir dispoñibilidade orzamentaria. As persoas beneficiarias poderán optar asemade a unha axuda única adicional por importe de 4.000 euros para completar estadías cunha duración de tres meses.

A oferta de catro contratos de investigadores postdoutorais para o Campus Terra está aberta a persoas que acadaron o grao de doutor desde o 1 de xaneiro de 2017, segundo se recolle na resolución reitoral pola que se rexe unha convocatoria de prazas, a través da que a USC procura incrementar a incorporación de persoal investigador ao Campus Terra, ademais de ampliar a súa formación e capacitación.