Skip to main content
Lugo

A Tradescola renderá homenaxe a Florencio Delgado en Lugo

Por 18 Maio, 2022Sin comentarios

A Deputación de Lugo colabora coa Tradescola para seguir espallando a cultura tradicional galega pola provincia. En Lugo, a Praza de San Marcos acollerá dende mañá, día 18 e ata o 26 de maio o ciclo Son de maio para Florencio Delgado Gurriarán, a cargo das aulas de música e baile tradicional da Tradescola.

Trátase dunha nova actividade de difusión e promoción da música tradicional organizada pola Tradescola coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo que se suman así aos distintos actos en homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, autor ourensán a quen se dedica o Día das Letras Galegas.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro saudou “a iniciativa da Tradescola que saca a música tradicional á rúa para celebrar as Letras Galegas, unha data de homenaxe, de celebración e tamén de reivindicación da cultura propia”.

As actuacións permitirán gozar dun amplo repertorio tradicional, interpretado por alumnado e docentes da Tradescola, no que non faltarán gaitas, zanfonas, percusións, acordeóns, cantareiras e por suposto bailadores e bailadoras.

PROGRAMA

18 maio. 20. 00 horas
Aulas de gaita, acordeón e percusión

19 de maio. 20.00 horas
Aulas de zanfona e requinta

23 de maio. 20.15 horas
Aulas de canto tradicional

24 de maio. 20.00 horas
Aulas de canto e baile tradicional

26 de maio. 11.30 horas
Aulas de gaita e percusión