Skip to main content
Lugo

Lugo céntrase nos maiores no Día de Internet

Por 16 Maio, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo celebra mañá, 17 de maio, o Día Mundial da Internet. Faráo reivindicando o dereito das persoas maiores a acceder ás novas tecnoloxías, sumándose así, á campaña de sensibilización que impulsa a Confederación Estatal de Maiores Activos (CONFEMAC).

Este ano, esta efeméride pon o foco no colectivo da terceira idade, un grupo considerado vulnerable no que se refire ao uso das tecnoloxías da información e da comunicación pois segundo a última enquisa do INE, preto do 60% das e dos galegos entre 55 e 74 anos escasamente teñen competencias dixitais.

Entre as accións artelladas pola Concellería de Benestar ao respecto, inclúese a instalación de mupis informativos en distintos puntos da capital, ao tempo que a iniciativa se difundirá, así mesmo, nos diversos centros de convivencia municipais e nas redes sociais.

“Queremos que as e os nosos maiores sexan conscientes dos beneficios que lles poden reportar as TICs, como estas facilitan as xestións burocráticas coas diferentes administracións e organismos públicos, especialmente en tempos de pandemia, e achegarlles as destrezas e os medios que precisan para desenvolverse neste ámbito con soltura e seguridade. De maneira que combatemos a fenda dixital e favorecemos o envellecemento activo”, subliñou Olga López.

Esta é a segunda de oito campañas, que ao abeiro do slogan ‘Persoas maiores, cos mesmos dereitos’ CONFEMAC está a poñer en marcha, xunto a municipios de todo o territorio nacional, ata finais de ano.