Skip to main content
Lugo

Lugo recibe unha axuda estatal para a súa dixitalización

Por 16 Maio, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo vén de recibir 366.500 euros dunha axuda provinte do Goberno do Estado. Unha convocatoria destinada aos concellos de máis de 50.000 habitantes para avanzar na modernización e dixitalización das entidades locais.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, explicou hoxe estas axudas que forman parte das medidas incluídas no Plan de Recuperación. A subdelegada resaltou a importancia de aproveitar as novas tecnoloxías para achegar os servizos públicos á cidadanía durante unha xornada celebrada esta mañá sobre o funcionamento da APP da Axencia Tributaria.

No acto, organizado pola Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti, a subdelegada estivo acompañada pola delegada provincial da Axencia Tributaria, Elena Rosendo.

Isabel Rodríguez explicou que a aposta do Goberno pola modernización dos servizos públicos reflíctese en decisións como o apoio financieiro aos concellos para que avancen na dixitalización para mellorar o servizo que prestan aos cidadáns.

En 2022 e 2023 o Ministerio de Política Territorial abrirá este programa de axudas para a modernización e dixitalización, cunha dotación anual de 149 millóns de euros, a todas as entidades locais, independentemente de cal sexa a súa poboación.

A subdelegada indicou que a xornada celebrada hoxe, centrada no funcionamento da APP da Axencia Tributaria, tivo por obxecto familiarizar aos cidadáns coas ferramentas creadas para facilitarlles as súas relacións coa Axencia Tributaria e agradeceu a colaboración da Federación de Asociacións de Veciños na organización desta sesión de formación.

“Con esta colaboración, queremos achegar a administración aos cidadáns, a través do movemento veciñal, tan potente e dinámico na nosa provincia, ao tempo que avanzamos un pasiño no reto de superación da fenda dixital”, explicou Rodríguez.

A APP da Axencia Tributaria é unha ferramenta que permite realizar trámites facilmente desde o teléfono móbil ou desde unha tableta.