Skip to main content
Lugo

Denuncian actos vandálicos no parque lucense Marcos Cela

Por 18 Maio, 2022Sin comentarios

O parque lucense de Marcos Cela vén de ser obxectivo dos vándalos . Así o informou o Concello de Lugo, quen denunciou xa estes feitos ocorridos despois de que a Policía Local detectase un botellón na madrugada do martes. Os participantes, que non lograron ser identificados, destrozaron, segundo indica o Concello, parte do novo valado instalado hai apenas dous meses polo Goberno municipal.

Neste senso, o edil fixo un novo chamamento ao civismo e ao ocio responsable, especialmente entre a mocidade. “Este tipo de comportamentos, inaceptables, danan a imaxe da cidade e supoñen, ademais, un custe elevado para as arcas municipais e, por ende, para os lucenses”, subliñou.

“Por iso, solicitamos a colaboración cidadá para denunciar este tipo de condutas máis que reprochables, que supoñen un deterioro dos elementos públicos e do patrimonio de todas e todos, e para para evitar que se repitan no futuro”, engadiu.

Miguel Fernández apuntou que “nesta mesma mañá persoal municipal procedeu a sinalizar a zona con cinta e, á maior brevidade posible, procederase ao arranxo e reposición do valado debido á situación de perigo que hai nesa zona pola pendente”.

O Goberno de Lara Méndez renovou recentemente o valado perimetral externo da área infantil, cunha lonxitude total de 100 metros, e fixo un lavado dos chanzos de formigón existentes.

Por outra parte, entre outras actuacións, no paseo propio que conecta este Parque coa Volta da Viña e a Avenida de Magoi se rehabilitaron 24 metros de cerca e se instalaron outros 100 metros a maiores.

Así mesmo, Miguel Fernández avanzou que “nos vindeiros días procederemos a efectuar a roza e mantemento das zonas verdes do parque Marcos Cela e tamén do parque dos Paxariños, para mellorar a comodidade e disfrute destes espazos públicos or parte da veciñanza”.